Archive for 12 agosto 2013

4. Placeres

fotos 026

Placeres o día da súa primeira comunión

Había naquela época unha pequena empresa familiar preto da Catedral de Lugo, o Bar Sabadelle. Os propietarios tíñanlle dado este nome porque viñeran para a capital desde unha parroquia de Portomarín chamada Sabadelle.

A moza parella que rexentaba o bar, tivo tres fillos: Placeres, Milagros e Jose. A pesar das ideas republicanas dos seus pais, estes cativos medraron na fe cristiá e Jose sendo moi pequeno pasou a exercer de sancristán de Manolo, o protagonista desta historia. Placeres, asistiu as clases de relixión e  latín do pater, que tamén era o seu confesor.

Nunha ocasión, toda a familia de Sabadelle visitou ao Capelán cuns agasallos en gratitude pola formación dos nenos. Foi neste punto que nun intercambio de miradas, Manolo e Placeres sentiron unha sensación que nunca sentiran antes. E foi nese momento, cando ambos souberon que querían pasar o resto dos seus días xuntos …

E así comezou unha fermosa novela entre Manolo e Placeres, auxiliada polo pequeno Jose que actuou de carteiro da parella.

 Así Placeres simulaba chamar batendo a porta da Catedral á hora acordada, que xa Manolo deixara entreaberta, conforme o previsto. Polo seu título de Capelán dispuña de tódalas chaves da Basílica.

Placeres constaba no Rexistro Civil como menor de idade, aínda  que a parella sabía que era dous anos máis vella… un pequeno truco do seu pai para non ir o servizo militar …

Con este pano de fondo, os lectores poden imaxinar o difícil que pode ser o momento de publicar esta relación. A familia de Sabadelle foi progresista abondo para entender, pero tiña en contra o Réxime que os observaba de preto. Algo moi diferente foi a familia de Vilaxuste … pola súa condición social e relixiosa éralles difícil aceptar que Manolo deixara o Santísimo Sacramento.

Con isto máis que claro, Manolo e Placeres non ven outra opción que inventar un plan … fuxir xuntos cara o outro lado da fronteira… cara Portugal …

Anuncios

3. Manolo deixa Vilaxuste

fotos de fotos 013

José coa súa muller Manuela e o seu irmán Ricardo

Pedro Antonio máis Ignacia tiveron tres fillos: José, que non tivo familia coa súa muller Manuela, Manuel -o zapateiro- que  quedou solteiro e, Ricardo que casou con Remedios e trouxeron seis nenos para Vilaxuste: Georgio, Georgina, Idalia, Antonio, Manolo e José. É por iso que istes herdaron a propiedade, pero todos axudaron na crianza dos cativos, sobretodo Manuela.

Non existen imaxes de Remedios, ben porque non lle gustara  pousar ou ben porque se perderan.

Ricardo -o Mestre do ferrado de pan- axudado polos seus irmáns Don Jorge -que tiña manga ancha co cura- e Manuel, puido madar a dous dos seus fillos a estudar ao Seminario de Lugo: Georgio e Manolo.

fotos de fotos 018

Manolo era un neno moi pequeno, cando fixo a proba de acceso ó seminario. Lémbrame que o seu maior desexo foi deixar a aldea e estudar, e así o fixo. Dí que no seminario nunca sentíu ningún tipo de manipulación; sendo aprendido neste mundo de oración e estudo, para algúns, era máis que suficiente. Por inercia chegarían a ser curas…

E  chegou o primeiro día que misou. Na súa estrea contou coa presenza de moita xente da sociedade lucense neses momentos. Recoñezo nas fotos o meu tío-avó Antonio Grandio e a súa muller Silvia. Antonio, xinecólogo de profesión andaba a asistir naquel momento a unha gran parte das mulleres que daban á luz na cidade, incluíndo a miña nai e a nai de Manolo.

fotos 022

Foto: Antonio Grandío ao fondo, e a la esquerda da porta central. Diante del Georgina.

Silvia á esquerda de Georgina segundo se mira a foto.

fotos 019

Primeiro oficio de Manolo

Capelán do Hospital Pimentel, capelán dun barco, profesor de latín e relixión e finalmente Capelán da Sagrada Basílica Catedral de Lugo. Aquí Manolo, comezou outros estudos moi diferentes daqueles do Seminario … comezou a carreira da vida…

2. Padre Manolo

fotos de fotos 021

Manolo é un cabaleiro encantador, afable, educado, intelixente e irónico á vez, cunha memoria de elefante, dialogante e tolerante, incapaz de facer unha crítica destrutiva e por riba de todo un gran conversador. El é capaz de entreter coas súas historias a un grupo de oíntes por horas … puiden comprobalo estes días que andiven a perseguilo arredor da casa para me deleitar coas súas experiencias, ás veces sen respectar a afonía que esto lle supuxo.

Unha fermosa historia que me impresionou foi o que dixo das súas camiñadas na praia pola beiramar de Liméns. Foi no verán pasado, cando cruzou varias veces cunha señora e acadaron establecendo un diálogo. Eles separáronse aquel día, pero Manolo -moi educado- ó día seguinte, buscou á Muller para desculparse por se atrever a comezar a conversa do día anterior. A señora ao contrario do que el pensaba, respondeulle que pasara un moi bo momento, e díxolle, non será de Lugo? Manolo dixo que si. Ela tamén… E a partir de aquí o diálogo foi como segue:

Manolo: E … onde vive vostede?

Señora: Na rúa Sarria, coñece? É preto do “Bar Sabadelle” sabe? É o bar onde un cura hai 50 anos fuxiu coa filla dos propietarios para casar en Francia.

Manolo: Si, recordo! Pode gardar un segredo?

Señora: si.

Manolo: Eu son o sacerdote!

Señora: Non me diga! Poderíame gardar outro segredo?

Manolo: si.

Señora: Eu tamén casei cun cura!

A partir de aquí, a filla da muller foi buscar o seu pai, que, aínda que non tivese concorrido con Manolo na súa etapa eclesiástica, tiñan referencias un do outro …

fotos de fotos 033

Na foto: Manolo e Placeres -a súa muller- refuxiados en Francia, aínda sen legalizar a súa situación.