Co gaio do “Día Nacional do Sendeirismo” mais de 2000 camiñantes nos xuntamos o pasado domingo, 22 de xuño, para realizar este espectacular roteiro; eu da man da Sociedade Micolóxica Lucus, a que pertenzo. O Grupo de Montaña “Peña Furada” acondicionou dunha maneira exemplar este percorrido duns 20 km alá polo ano 1987, cando se fixo a primera andaina… Tratase por elo, do tramo de senda costeira máis antigo da rede “Sendas costeras del Principado de Asturias”.
A saída é dende o lugar chamado El Bao, por un camiño de terra que se vai estreitando segundo descendemos a ribeira do rio Barayo (límite xeográfico dos Concejos de Navia e Valdés). Dous km de espesura e humidade até chegar a súa desembocadura directa á praia de Barayo. Fórmase neste punto un complexo paisaxístico incrible… dunas e marismas cheas de eneas, carrizais e amieiros pantanosos que forman este estuario en conexión directa co mar, e que se pode disfrutar coas súas vistas dende a “Punta El Cuernu”….
Todo este conxunto considerado Paisaxe Pintoresca atópase en “conservación semisalvaxe”, tendo prohibido o acceso de vehículos. Polo seu valor paisaxístico e ecolóxico está catalogado como Reserva Natural Parcial.


Chegamos a este punto logo de abandonar a espesura do rio, ascendendo por un sendeiro paralelo á costa entre pradarías e cultivos de millo, e sempre mirando ó mar….

Ós 7,8 km atopámonos cun fermoso pobo mariñeiro onde as casas de pescadores enténdense coas solariegas e de indianos, “Puerto de Vega”. Berce de Gaspar Melchor de Jovellanos, Puerto de Vega foi recoñecido como “Pobo Exemplar de Asturias”, 1995, pola Fundación Príncipe de Asturias.




Con herdanza baleeira e un peirao pesqueiro onde nalgún tempo existiron importantes industrias conserveiras, en Puerto de Vega esperábannos parte do noso grupo de Lucus para compracernos cunha “sidrina”.

Máis animados continuamos camiño, cara “Frejulfe”, o lugar indicado pola organización para o xantar.




Juan mirando as illas de Romanelas

Acantilados en branco e negro (cuarcitas e lousa) tinguidos de laranxas, verdes e grises (liques), longas praias, illotes percebeiros e castros celtas até chegar a outro complexo natural formado por praia, río e bosque. Parecido a Barayo pero diferente… Frejulfe. Co seu areal de escura area, recibindo o río Piñera nun conxunto de dunas fixadas por un pinar e eucaliptos, este ecosistema foi declarado “Monumento Natural” no 2002 polo goberno do Principado de Asturias.





Xantamos o bolo preñado, mazá e postre lácteo recuperando forzas, aínda que non as suficientes para encarar os últimos 9 km. E digo “non as suficientes”, porque a mín chegoume bastante. Contínuas subidas (de considerable pendente) e baixadas até chegar a “El Picón”; illote de curiosa forma que pecha a praia de Frejulfe pola súa cara oeste.

El Picón
E así continuamos animados pola sangría fresquiña que nos agardaba no alto do Fabal, e seguir até a praia El Moro enmarcada por acantilado fósil de grande interese cun estrano burato de onde colleu o seu nome o grupo anfitrión Peña Furada.





El Cuedo: Home de Cuedo

Faro de Ortiguera

El Moro
Canto queda? preguntabamos a cada camiñante que nos adiantaba. Ahora ya poco! contestaban con ese falar cantarín. Qué afición hai en Asturias polo sendeirismo! e moita xente que xa non era nova!!
Por fín Navia!! Chegamos á desembocadura do río que nace en Pedrafita do Cebreiro e que leva o nome da Vila. Ou é a vila a que leva o nome do río? Non o sei… pero o que sí sei é, que nos espera outra o próximo sábado. Moito máis curta pero din que moi costa… VIII subida ó Monte Castelo-Burela.

